14/11/10


Indignación (a Cadena Ser e a cobertura do conflito no Sáhara)

1
[Carta enviada a Radio Galicia, emisora central galega da Cadena Ser.]

Como asiduo ouvinte de Hora 25 durante moitos anos, síntome indignado e moi cabreado con vostedes. Hoxe (12 Nov. 2010), coma cada día, cando ás 22:00 h. conecto o meu aparato de radio para escoitar Hora 25, como fago desde hai moitos anos, escoito que están a trasmitir un partido de baloncesto. Intento buscar no dial a cadena SER en FM pero non a atopo e, lamentablemente, isto non é a primeira vez que ocorre.

Dáse a circunstancia que hoxe non puiden seguir as noticias por ningún medio e como estaba preocupado pola situación de Ángels Barceló e os seus compañeiros no Aaiún, apurei canto puiden o meu labor para estar atento ás 22:00 e averiguar como rematou o "incidente" dos citados profesionais que tanto admiro.

Pois non señor, a Cadena Ser, querendo ou sen querer, negoume a información. Supoño que terán argumentos para actuar desta maneira e polo tanto gustaríame moito coñecelos para actuar en consecuencia.

Sen dubidalo un só minuto acudín a outros medios para ver que pasaba pero, tristemente, o que puiden escoitar foi bastante deprimente. Vostedes xa saberán.

Agardo se dignen a respostarme. Moitas grazas.
Un saúdo.

1 comentário:

Anónimo disse...

[Resposta de Radio Galicia.]

Agradecémoslle que escoite a Cadena Ser con asiduidade e lamentamos que no o poidera facer o pasado día por estarmos a retransmitir un partido do Obradoiro pola emisora de Onda Media. De verdade que lamentamos o trastorno que producimos na nosa audiencia cada vez que realizamos unha retransmisión diferente por cada unha das nosas emisoras de FM e OM. Este trastorno que producimos non sería moi grave si a sintonización da nosa emisora de FM (no 95,2 do dial) fora tan sencilla como correspondería de non existir unha sobreexplotación (ou desorganización) do dial. En Galicia, con datos de 2003, frente as 150 emisoras legais viñan funcionando 153 emisoras ilegais. Hoxe as emisoras legalmente establecidas seguen a ser 150 e as ilegais poden facilmente superar as 200.

Só nos queda pregarlle que na próxima ocasión teña paciencia e insista na localización da nosa FM. Estamos ahí, no 95,2, a igual que na OM coa única intención de contactar con vostede.

Unha aperta.

Enviar um comentário

Que opinas? Pasouche algo parecido?