15/07/10


Homenaxe a Rosalía de Castro

0
Hoxe vivín unha das emocións máis grandes da miña existencia.
Celebrábase o 125º aniversario do pasamento e o 119º aniversario do traslado dos restos da nosa ROSA a Bonaval (Compostela) e a Asoc. de Escritores en Lingua Galega organizou un percorrido desde Adina (cemiterio en Iria-Padron), facendo exactamente o mesmo percorrido orixinal.
Fletaron un tren especial desde a estación da Matanza-Padrón (ao lado mesmo da casa museo de Rosalía) a Compostela. Eran varios vagóns e viñan ateigados de persoas, entre outras unha representación da "flor" das nosas mulleres escritoras, tales como: Pilar García Negro, Rosa Aneiros, Teresa Moure, Mª Xosé Queizan, Iolanda Castaño e outras que agora non lembro. Tamén viñan mulleres do mundo da farándula coma Guadi Galego, as dúas Uxías, e máis que xa direi.
O tren chegou a Compostela ás 18,00 h. e alí estaba eu a comezar as emocións. Motivado polas obras na rúa do Hórreo, a comitiva para percorrer Compostela organizouse diante do Parlamento. Na cabeza da mesma desfilou e tocou a Banda de Música de Rianxo e detrás todos nós.
Primeira parada: Praza do Toural. Alí recitaron poemas varios (que xa direi), logo achegámonos á entrada da Rúa do Vilar, onde actuaba a Banda de Compostela que, para esa hora, tiña o encargo de tocar dúas pezas de temas galegos relacionados con Rosalía e así foi.
Logo seguimos para a Praza da Universidade e alí comezaron para min as emocións.
Reproduciuse o acto igual que hai 125 anos, aquí parte do recitado de poemas fíxose desde o balcon do 2º andar da casa de enfronte, coma se fixera entón...
Despois continuamos á Praza de Cervantes con parada (esta non se fixera na orixe) na Libraría Couceiro. Foi espectacular. Todas as ventás e balcóns da casa abertos e, desde alí, recitaron e falaron, entre outros: Cesáreo Sánchez, Ana Romaní, ... (ai! non me saen os nomes).
Entres actos actuaba na rúa un grupo de gaiteros e cantaba un grupo de rapazas, divinamente. Seguimos a Bonaval, o cumio da celebración-reindivicación. (Non sei se estades informados de que o Panteón de Galegos Ilustres está secuestrado pola Igrexa católica... Teñen secuestrados a Rosalía e Castelao).
Estáseme acabando o ghas... porque quero contalo todo pero non son capaz de abreviar...
En Bonaval, antes de entrar, leuse un Manifesto de puta madre e ao Cesáreo Sánchez, ben, mellor dito ao contido do mesmo, caeulle unha grande ovación.
A seguir fomos todos para dentro, que eramos moitos. Alí volve a tocar a Banda de Rianxo a mesma peza que lle tocaran a Rosalía había 125 anos.
Esquecera dicir que na Praza da Universidade plantaron na porta un piano e alí cantou unha muller (parecía unha soprano) a mesma canción que lle cantaran á nosa Rosa no traslado dos seus restos de Adina a Bonaval hai 119 anos. A canción, da que non lembro o título, é unha peza (pareceume sentimental e moi linda) de música clásica dun autor coñecido e do que tampouco me lembro o nome.
Volvo a Bonaval. Despois da arenga da entrada, dentro recitaron: Iolanda Castaño, Rosa Aneiros, Marica Campo, Suso Villar e outros que xa non lembro. Cantaron e tocaron: Guadi Galego (a mellor), acompañada dun rapaz tocando o acordeón; Uxía Senlle; Uxía Pedreira, e outras.
Deíxoo de momento. A función durou das 18,00 as 22,00 e entre as paradas, o andar de vagar e as emocións, estou escarallado do lombo.

Sem comentários:

Enviar um comentário

Que opinas? Pasouche algo parecido?