14/11/10


Indignación (a Cadena Ser e a cobertura do conflito no Sáhara)

1
[Carta enviada a Radio Galicia, emisora central galega da Cadena Ser.]

Como asiduo ouvinte de Hora 25 durante moitos anos, síntome indignado e moi cabreado con vostedes. Hoxe (12 Nov. 2010), coma cada día, cando ás 22:00 h. conecto o meu aparato de radio para escoitar Hora 25, como fago desde hai moitos anos, escoito que están a trasmitir un partido de baloncesto. Intento buscar no dial a cadena SER en FM pero non a atopo e, lamentablemente, isto non é a primeira vez que ocorre.

Dáse a circunstancia que hoxe non puiden seguir as noticias por ningún medio e como estaba preocupado pola situación de Ángels Barceló e os seus compañeiros no Aaiún, apurei canto puiden o meu labor para estar atento ás 22:00 e averiguar como rematou o "incidente" dos citados profesionais que tanto admiro.

Pois non señor, a Cadena Ser, querendo ou sen querer, negoume a información. Supoño que terán argumentos para actuar desta maneira e polo tanto gustaríame moito coñecelos para actuar en consecuencia.

Sen dubidalo un só minuto acudín a outros medios para ver que pasaba pero, tristemente, o que puiden escoitar foi bastante deprimente. Vostedes xa saberán.

Agardo se dignen a respostarme. Moitas grazas.
Un saúdo.

15/07/10


Homenaxe a Rosalía de Castro

0
Hoxe vivín unha das emocións máis grandes da miña existencia.
Celebrábase o 125º aniversario do pasamento e o 119º aniversario do traslado dos restos da nosa ROSA a Bonaval (Compostela) e a Asoc. de Escritores en Lingua Galega organizou un percorrido desde Adina (cemiterio en Iria-Padron), facendo exactamente o mesmo percorrido orixinal.
Fletaron un tren especial desde a estación da Matanza-Padrón (ao lado mesmo da casa museo de Rosalía) a Compostela. Eran varios vagóns e viñan ateigados de persoas, entre outras unha representación da "flor" das nosas mulleres escritoras, tales como: Pilar García Negro, Rosa Aneiros, Teresa Moure, Mª Xosé Queizan, Iolanda Castaño e outras que agora non lembro. Tamén viñan mulleres do mundo da farándula coma Guadi Galego, as dúas Uxías, e máis que xa direi.
O tren chegou a Compostela ás 18,00 h. e alí estaba eu a comezar as emocións. Motivado polas obras na rúa do Hórreo, a comitiva para percorrer Compostela organizouse diante do Parlamento. Na cabeza da mesma desfilou e tocou a Banda de Música de Rianxo e detrás todos nós.
Primeira parada: Praza do Toural. Alí recitaron poemas varios (que xa direi), logo achegámonos á entrada da Rúa do Vilar, onde actuaba a Banda de Compostela que, para esa hora, tiña o encargo de tocar dúas pezas de temas galegos relacionados con Rosalía e así foi.
Logo seguimos para a Praza da Universidade e alí comezaron para min as emocións.
Reproduciuse o acto igual que hai 125 anos, aquí parte do recitado de poemas fíxose desde o balcon do 2º andar da casa de enfronte, coma se fixera entón...
Despois continuamos á Praza de Cervantes con parada (esta non se fixera na orixe) na Libraría Couceiro. Foi espectacular. Todas as ventás e balcóns da casa abertos e, desde alí, recitaron e falaron, entre outros: Cesáreo Sánchez, Ana Romaní, ... (ai! non me saen os nomes).
Entres actos actuaba na rúa un grupo de gaiteros e cantaba un grupo de rapazas, divinamente. Seguimos a Bonaval, o cumio da celebración-reindivicación. (Non sei se estades informados de que o Panteón de Galegos Ilustres está secuestrado pola Igrexa católica... Teñen secuestrados a Rosalía e Castelao).
Estáseme acabando o ghas... porque quero contalo todo pero non son capaz de abreviar...
En Bonaval, antes de entrar, leuse un Manifesto de puta madre e ao Cesáreo Sánchez, ben, mellor dito ao contido do mesmo, caeulle unha grande ovación.
A seguir fomos todos para dentro, que eramos moitos. Alí volve a tocar a Banda de Rianxo a mesma peza que lle tocaran a Rosalía había 125 anos.
Esquecera dicir que na Praza da Universidade plantaron na porta un piano e alí cantou unha muller (parecía unha soprano) a mesma canción que lle cantaran á nosa Rosa no traslado dos seus restos de Adina a Bonaval hai 119 anos. A canción, da que non lembro o título, é unha peza (pareceume sentimental e moi linda) de música clásica dun autor coñecido e do que tampouco me lembro o nome.
Volvo a Bonaval. Despois da arenga da entrada, dentro recitaron: Iolanda Castaño, Rosa Aneiros, Marica Campo, Suso Villar e outros que xa non lembro. Cantaron e tocaron: Guadi Galego (a mellor), acompañada dun rapaz tocando o acordeón; Uxía Senlle; Uxía Pedreira, e outras.
Deíxoo de momento. A función durou das 18,00 as 22,00 e entre as paradas, o andar de vagar e as emocións, estou escarallado do lombo.

02/07/10


Novo exame práctico de conducir

2
A Dirección Xeral de Tráfico (DGT) está a implantar, de forma progresiva en todo o estado e desde comezos de ano, un novo exame práctico de conducir.
A novidade consiste en que os 10 primeiros minutos do exame son de condución autónoma, recibindo o examinando do examinador só o nome do lugar de destino e debendo, para iso, coñecer as rúas da poboación na que se realiza a proba.

Non credes que isto pode ser discriminatorio segundo cal sexa a procedencia xeográfica do examinando? Que pasa cos cidadáns desprazados a outras localidades temporalmente por mobilidade laboral? Que pasa cos inmigrantes recentemente chegados?
Seica o examinando está optando a unha praza de taxista?
Por que non aparece información respecto diso na páxina web da Dirección Xeral de Tráfico?
Por que se discrimina positivamente a examinandos doutras zonas do estado ao non terse implantado aínda na súa área esta novidade?
E, xa postos, a que se deben as enormes diferenzas de prezo en matrículas e, sobre todo, en clases prácticas nas diferentes autoescolas do estado? Por que é máis caro sacarse o carné en Santiago de Compostela que na Coruña, por pór un exemplo dentro da mesma provincia e autonomía? Non debería estar isto máis regulado? (á baixa, por suposto: así lograrían condutores aínda máis dispostos a mellorar realizando máis prácticas sen ter que deixar para comer a cambio).

Desde aquí podedes formular as vosas queixas:
http://www.mir.es/SGACAVT/pciudad/dparticipacion/quejasysugerencias.html

06/03/10


Unísono estafa parados

1
Nos últimos días, a empresa Unísono (Vigo, España) estivo estafando a decenas de traballadores desempregados.

A través da axencia de colocación Infojobs.net, Unísono publica anuncios reclutando persoal para traballar como teleoperadores de atención ao cliente (recepción de chamadas) durante as fins de semana.

Somos convocados a unha entrevista-proba de selección. Aceptamos comezar o período de formación ao día seguinte e, superada a proba, telefonéannos para informarnos do lugar e horario da mesma.
Durante 9 días asistimos a un curso dunha duración de 7h. diarias, desde as 13 até as 20h., de luns a venres. Para poder comparecer, os asistentes (traballadores desempregados) debemos reorganizar as nosas vidas: renunciar a outros traballos temporais, conseguir coidadores que atendan aos nosos fillos, pagarnos o desprazamento até o centro de formación, costearnos a comida fóra dos nosos domicilios, etc.

O último día do curso supostamente debiamos realizar un exame que determinaría a nosa idoneidade para comezar a traballar ao día seguinte.
Cal foi a nosa sorpresa ao encontrarnos na aula de formación cun representante de Unísono (¿Gaby?) que nos informa do seguinte:
"Siento deciros que vuestros puestos de trabajo no existen, ni existirán."
Este señor escúsase argumentado que Orange, o cliente ao que Unísono ía prover de teleoperadores de fin de semana, decidiu prescindir dese servizo esa mesma mañá. Pero nós non iamos ser traballadores de Orange, o noso compromiso contractual era con Unísono.
Intenta aplacar o noso enfado dicíndonos que seremos chamados para cubrir as baixas dos trabajadores en activo en Unísono: 20 baixas todas xuntas?, cando?, alguén cre xa algo do que poida prometer esta empresa?

Quen nos devolve o tempo e o diñeiro (gastos) investidos nesta formación?
Supostamente a formación seríanos remunerada unha vez pasado o exame e o mes de proba; é dicir, deberíamos cobrar na nosa 2ª nómina un total de 158,13€.
Ese último día de curso nin se recolleron as nosas sinaturas para certificar a asistencia, nin se nos permitiu realizar, no lugar e hora marcados, o exame de acceso: pretendían despoxarnos así do noso dereito a percibir eses cartos no futuro?

Está Unísono cobrando dalgunha entidade (pública ou privada) por formar a traballadores desempregados? É dicir, está estafando a alguén máis ou hai alguén que está en connivencia con Unísono?
Polo que podemos ler aquí parece que así é: http://www.trabajobasura.info/directorio/unisono_soluciones_crm.html (comentarios nº 7 e 8).

Quen consinte, por acción ou omisión, que se xogue así coa dignidade dos traballadores desempregados?

28/02/10


Galego pexorativo

0
Xa que, segundo o partido desa señora á que non imos facer máis publicidade gratuita, todo se reduce a interpretacións semánticas, fagamos primeiro unha análise lingüística do asunto para despois exixirlle a devolución da parte proporcional dos nosos impostos coa que se paga o seu salario de deputada.
Eis a explicación de dito partido, publicada nos medios o 27/02/2010:
«El significado coloquial de 'gallego' en sentido peyorativo es el de alguien que no se pronuncia y elude comprometerse. Es peyorativo pero no despectivo. Se usa en el castellano coloquial del mismo modo que docenas de expresiones comparables como 'trabaja como un negro' o 'austero como un castellano', 'chulo como un madrileño', 'testarudo como un baturro', etc. Y no son insultantes, sino figuras retóricas del lenguaje. Se pueden eliminar, pero no es fácil si se usa un lenguaje coloquial, directo, como el de la calle, que precisamente es el contexto de una entrevista. No es una declaración política. Y ofenderse por esto es una muestra de intolerancia, complejo de inferioridad o perturbación nacionalista.»
Analisemos primeiro o significado das palabras polémicas:
A. Peyorativo.
Segundo o Diccionario de la Real Academia de la Lengua Española (D.R.A.E.), 22ª edición, consultado en liña:
1. adj. Dicho de una palabra o de un modo de expresión: Que indica una idea desfavorable.
De 'peyorar': 1. tr. ant. Poner o hacer peor algo.
B. Despreciativo.
Segundo o D.R.A.E.:
1. adj. Que indica desprecio.
De 'desprecio': 1. m. Desestimación, falta de aprecio. 2. m. Desaire, desdén.
C. Coloquial.
Segundo o D.R.A.E.:
2. adj. Propio de una conversación informal y distendida.
D. Gallego.
Segundo o D.R.A.E.:
5. adj. C. Rica. tonto (‖ falto de entendimiento o razón).
6. adj. El Salv. tartamudo.
(E non entramos xa na definición do dicionario María Moliner: 4 (inf.) m. *Mozo de cuerda.)

É dicir, o que en realidade quixo dicir a señora D. foi: [A idea que define a] «ZP podería ser tonto, atribuíndolle ao termo un sentido aínda peor do que ten.»
Podería ter dito: «ZP podería ser indeciso como un galego» ou, mesmo, «ZP podería ser desconfiado como un galego», onde, aí si, utilizaría a mesma construción comparativa que en 'chulo como un madrileño' ou 'testarudo como un baturro'; isto é adxectivo + 'como' + substantivo. Mais non foi iso o que dixo.
'Peyorar' é transformar algo en peor, 'peor' é o comparativo de superioridade de 'malo'; é dicir, para esta señora 'gallego' xa ten un significado malo intrínseco, distinto das acepcións 5 e 6 que recolle o D.R.A.E., que, ao final, non deixan de ser rexionalismos (non coloquialismos) de áreas moi específicas (Costa Rica e O Salvador) e practicamente en desuso.
A coloquialidade tampouco serve: estaba nunha entrevista televisiva nun medio de gran difusión; iso implica o coñecemento previo das preguntas, a preparación das respostas por un equipo de asesores, a medición ao milímetro do que se di, etc. Ademais xa usara a expresión meses atrás e se algo caracteriza aos coloquialismos é a súa vida efémera.
As expresións coloquiais non son figuras retóricas da linguaxe; a figura retórica neste caso é a estrutura comparativa en si, non o seu contido semántico. Isto é, se nós dixésemos:
«La señora D. es trabajadora como una burra»
estariamos a utilizar unha figura retórica (un símil ou comparación) cun contido non insultante e moi diferente de:
«La señora D. es burra en el sentido peyorativo del término».
Como galegos o noso xentilicio non pode ofendernos. O que nos ofende, como seres vivos con intelixencia, son os anacolutos e perogrulladas da súa explicación posterior. Os nacionalismos pertúrbannos profundamente, si; sobre todo o nacionalismo que renega, ou non, dun recanto da súa xeografía segundo conveña. Demostramos a nosa tolerancia cada minuto que pasamos sen lanzarlle unha luva á cara porque, como di o D.R.A.E., 'tolerar' tamén é:
1. tr. Sufrir, llevar con paciencia.

18/02/10


É o novo DNI un pastor eléctrico?

2
Canto custa a súa implantación? Canto custan os lectores de tarxetas intelixentes que nos regalan ao facelo? De quen é a empresa que os fabrica?
Por que temos que pagar máis de 10€ por algo que é obrigatorio?

Alguén conseguiu facelo funcionar? Alguén decifrou todo este galimatías só apto para informáticos? A alguén lle explicaron realmente todo o que implica ou, simplemente, lle entregaron de man dunha nena mona (que seguro que nen era funcionaria) o lector e a clave?
Levo unha semana agardadando a que os do Servizo de Atención ao Usuario se dignen en responderme: polo visto en Firefox funciona aínda peor do que no iExplorer... Conclusión: bloqueóuseme o PIN antes de conseguir tramitar nada!

E a seguridade?:
- a Comisión de Libertades e Informática di que se nos impón
"sin ningún tipo de debate político ni social. Esta herramienta necesita de una Ley orgánica específica, puesto que afecta a derechos fundamentales"
- os da Asociación de Internautas afirman que non é suficientemente seguro e que, se finalmente se introducen no chip os datos da Tarxeta Sanitaria,
"cuestionamos la posibilidad de que se pueda entrar en bases de datos donde se encuentra información confidencial de cada individuo. Son datos biométricos, muy sensibles, porque pueden afectar a los derechos fundamentales de los ciudadanos"
- os de Hispalinux cren que:
"mal utilizada esta tecnología, puede atentar seriamente contra la intimidad de los ciudadanos. Por ejemplo, colocando detectores en la entrada de comercios o instalaciones, se pueden controlar hábitos y costumbres".
Para cando chips baixo a pel para tod@s? Mimá!